Saturday 04 de May de 2024

Proseguen os envíos domiciliarios de cubrebocas no Concello de Fene


Repartiranse 6.000 máscaras entre persoas de máis de 60 anos e rapazada de entre 3 e 12 anos

Durante a fin de semana, Goberno e persoal municipal do Concello de Fene continuaron o ensobrado de cubrebocas que se empezaron a distribuír o venres a través de Correos. Xa chegaron as da rapazada, que teñen unha talla menor e cores moi rechamantes. Ademais, as nenas e nenos de Fene recibirán coa máscara un carné acreditativo da súa afouteza durante esta crise.

Iso si, desde o consistorio insístese na vixencia do Estado de Alarma e que non se debe baixar a garda. Máis importante que o uso de cubrebocas -que só se aconsellan en determinadas circunstancias- son as seguintes precaucións: respectar o confinamento saíndo só para cousas esenciais -compra, médico, farmacia… ou pasear con menores atendendo ás condicións decretadas por Sanidade-, gardar as distancias sociais (2 metros), lavar as mans con frecuencia, non tocar a boca, os ollos e o nariz, esbirrar ou tusir en panos desbotables (ou contra o interior do cóbado) e non saír da casa (nin sequera para o básico) se se teñen síntimas coincidentes cos da COVID-19.

O Concello comunicou a través das redes sociais e da súa páxina web que as 6.000 máscaras se distribuirán seguindo o padrón municipal. Son arredor de 5.000 para maiores de 60 anos e as 1.000 restantes para o colectivo infantil. Con todo, calquera persoa pertencente a un grupo de risco -con enfermidades coronarias ou respiratorias crónicas, diabéticas, inmunodeprimidas, con cancro ou embarazadas- poden solicitar o seu cubrebocas contactando co departamento de Servizos Sociais no 981 492 706, onde atenden en horario de mañá.